“Vivir mellor con menos”

miércoles, 31 de octubre de 2012

 

As ONGDs galegas apostan polo consumo responsábel en Compostela

A.E. 5 de Outubro do 2012. Sermos Galiza

 

 

 

 

 

 

 

 

A Coordinadora Galega de ONGD e Intermón Oxfam organizan os días 5 e 6 de outubro, na Facultade de Filosofía da USC, as xornadas ‘Vivir mellor con menos: alternativas para un consumo crítico e responsábel’. Ademais de actividades varias participarán Carlos Taibo, Marta Pascual, Antonio Hernández e Lourdes Benavides.

Co nome de “Vivir mellor con menos: alternativas para un consumo crítico e responsábel” a Coordinadora Galega de ONGD’s e Intermón Oxfam realizarán os días 5 e 6 de outubro en Compostela unhas xornadas de concienciación abertas ao público. “Xorden da necesidade das ONG’s de Desenvolvemento de abrirnos e adaptarnos ao novo contexto social e económico”, sinalan na Coordinadora, “o traballo de sensibilización que levamos a cabo en Galiza non só pasa por falar das desigualdade Norte-Sur, senón tamén das alternativas que temos nas nosas mans como cidadanía activa e transformadora”.

A primeira experiencia deste tipo foi organizada o ano pasado nas xornadas ‘Dereito á alimentación e soberanía alimentaria’ en que participaron Esther Vivas e Gustavo Duch e que contaron cunha boa participación. “Este ano quixemos ir máis alá e implicar colectivos de Galiza que están a traballar para ofrecer alternativas de consumo, produción, distribución, finanzas; para poñer en valor o rural; para visibilizar que outro xeito de vivir en sociedade”.

Na Facultade de Filosofía da USC falarán Carlos Taibo, escritor, editor e profesor Titular de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, Marta Pascual, Grupo Ecofeminismos de Ecologistas en Acción, Antonio Hernández, representante do Mercado Social Madrid, e Lourdes Benavides responsábel de Xustiza Económica do departamento de campañas e estudos de Intermón Oxfam.

Feira na Praza de Mazarelos
As xornadas contarán tamén cunha feira de produtos de consumo responsábel e alternativo con postos de venta e información na praza Mazarelos os días das xornadas. Participarán no Mercado “entre lusco e fusco”, cooperativas de produtoras (Milhulloa, Millo e Landras, Raíña Lupa, O carabelo, Como cabras, O sequeiro de Portelas), ONGDs de comercio xusto (Panxea, SI Galicia e Intermón), tendas de produtos ecolóxicos (Equisol, Cousas da Terra), grupos de consumo (Eirado, Nabiza Ceibe, Fabas Lobas, Zocaminhoca), banca ética (Fiare, Coop57, AIS O Peto) e software libre (AGASOL, GPUL).

Os horarios serán de 16:00 a 21:00 horas esta sexta e o sábado, de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.

« Volver Atrás